Empezou un novo curso, fóronse algúns compañeiros e profesores e viñeron outros novos... Hai moitas novidades! Por exemplo a Yasmín non a coñecíamos, en xuño non veu facer o periodo de adaptación porque ía ir a outra escola, pero estivo moi tranquila con nós desde o primeiro día...
Estamos: Sara, Alba, Xeila, Mateo, Candela, Antía e Yasmín, as 3 últimas entraron novas. Andrea, David, Laura, Paula e Sabela xa non están, van ó colexio de Atios. Sabela sigue sendo a nosa titora, tamén siguen Quique e Oscar de profes e viñeron Mariluz e Roberto.










Ouriciño pincho
abre a porta xa
que dona castaña
vai estoupar... Plof! Roberto atopou, no chan, un ourizo verde e moi pechado. Abríuno e tiña as castañas brancas, sen a pel marrón que teñen todas. Sabela preguntounos se quedarían así ou fabricarían a pel estando fora e deixámolas separadas, para observar. Era venres, e o luns, cando chegamos, xa estaban coa pel da cor das outras, puxemos unha ó lado para que se vexa na foto... Algunha castaña tiña verme e estivemos observando as súas correrías pola mesa e como se descolgaba dela por un fío que el mesmo fixo... pero tivo que volver a subir porque o seu fío non lle chegaba ó chan... Logo levámolo, na castaña, á terra do xardín para que poidera seguir o seu proceso
Fixemos debuxos en simetría con restos de cousas feitas o curso pasado, é divertido! Poñemos algúns dos que fixemos.
As 3 pequeniñas xa empezaron a coser e fanno moi ben!!! Xa van polo segundo cadro...
E Antía xa rematou o segundo!
O día 23 fixemos un mural cos pés, díronnos a idea os de Vilarrube e A Carreira, eles fixérono o curso pasado e vímolo nos seus blogues e xa dixemos: nós queremos pintar cos pés tamén... E este curso non nos esquecimos!!! Graciñas pola idea!!! Pasámolo moi ben! Tamén empezamos outro coas pegadas dos pés de cada un, pero estamos a traballalo aínda.O día 16, pola tarde fomos de excursión pola zona do Val, a sitios que teñen bonitas lendas.
O día 23, tamén pola tarde, fixemos outro percorrido... Esta vez pola costa hacia Pantín e Vilarrube.
Vimos a Pena da ventá, que pode ser da serea Gris... e estivemos nun castro.
Merendamos na praia de Vilarrube.
E estivemos tamén dentro da cova da Eirixoa! Guau, encantounos!
Como este curso non temos libros estamos empezando o 1º proxecto sobre as vivendas e edificios do mundo. Sara e Alba xa trouxemos moitas fotos de revistas. Tamén imos contando outras cousas, en follas como esta...
O día 28, aproveitando que nos apoiaba Mariluz, fomos á figueira do bar de Freire a coller figos e follas. Días antes Candela e Antía trouxeran figos, xunto con outras froitas que colleran coa familia, para comer a media mañá... Agora xuntouse moita porque Sabela xa mercara para a semá... Gracias ó frigo, que se non estropearíase moita!!!




Como é principio de curso esta entrada do blogue foi das maiores, pero con moitísima axuda de Sabela, e os demais só puxeron o seu nome. Claro que é porque aínda estamos recuperando ritmo e poñéndonos en marcha de novo...